Sunday 12 de May de 2024

O Concello impulsa a formación artística en Málaga de estudantes coruñeses dentro das actividades do Ano Picasso


A Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso seleccionará 16 proxectos cuxos autores viaxarán a Málaga para asistir a obradoiros na EASD San Telmo e coñecer a pegada do xenial pintor na cidade

O vindeiro luns 11 de setembro abrirase a convocatoria do proxecto MACO, un programa educativo que nace coa vocación de afondar na traxectoria persoal e artística de Picasso a través da colaboración das Escolas de Artes Superiores de Deseño da Coruña e Málaga. Esta iniciativa forma parte da programación de ‘Celebración Picasso’, que conmemora o 50 aniversario do pasamento do artista malagueño. O Goberno de Inés Rey deseñou un amplo abano de actividades para afondar na orixe artística coruñesa de Picasso.

O proxecto persegue pór en valor o papel da formación no período académico e a influencia das vivencias nas dúas cidades (Málaga e A Coruña) na obra do xenial pintor. Poderán participar no programa os alumnos e alumnas matriculados na Escola de Arte e Superior de deseño Pablo Picasso nalgunha das seguintes especialidades académicas no curso 2023-2024: Ensinos Artísticos Superiores de Deseño (especialidades en Gráfico e Interiores, equivalentes a grao universitario), os Ensinos Artísticos Profesionais (Ilustración, Fotografía, Escultura aplicada ao espectáculo e Dourado, Prateado e Policromía) e módulos formativos (Taller Cerámico I e II e Taller de Madeira).

Os participantes deberán presentar unha proposta de proxecto baseada na reinterpretación dunha obra de Pablo Picasso na que o alumnado deberá plasmar unha nova visión desta co obxectivo de reproducila nos obradoiros de serigrafía da EASD San Telmo.
Os autores dos proxectos seleccionados viaxarán a Málaga para participar no programa, que se desenvolverá na EASD de San Telmo durante un período de 4 días durante o mes
de novembro do 2023 e incluirá actividades relacionadas con Picasso.

A Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso é un centro de ensino público que conta con 400 alumnas e alumnos. A sede actual da Escola, situada na rúa Pelamios, foi deseñada polo arquitecto José Antonio Corrales, Premio Nacional de Arquitectura (1948, 2001), e comezou a construírse en 1983. Antes desa data, a formación impartíase na actual sede do IES Eusebio da Guarda na praza de Pontevedra, na que deu clase José Ruiz y Blasco, pai de Pablo Picasso.